¿Para cando unha «Líder» no Concello? Boiro xa non necesita promesas, necesita solucións de nai
O motor que non descansa A ver se nos enteramos dunha vez: Boiro é o corazón da «Economía Azul» de Galicia, e ese corazón latexa en feminino. Os datos non minten, aínda que a algún lle escoza: só no noso pobo hai máis de 1.500 mulleres que son o cimento da estabilidade económica. Nas fábricas de conserva, son a maioría da man de obra. Desde as máis de 1.400 que deixan as costas nas liñas de produción ata as máis de 800 mariscadoras que dobran o lombo, na Ría de Arousa, mulleres de Cabo de Cruz, de Escarabote… e de cada unha das aldeas que forman parte do noso Concello. E ollo, que non necesitamos presumir de bíceps no ximnasio, nin poñer esa sorrisa de plástico dos carteis electorais, nin andar aos gritos para que as cousas se fagan. Fanse porque nós sabemos o que é a «economía de proximidade» sen lelo nun libro.
Ollo clínico: Da fábrica ao pavillón Ninguén coñece mellor as carencias de Boiro que unha muller. Porque sexamos claras: á parte de cumprir no traballo e levar a casa adiante, a maior parte do tempo seguimos sendo nós as que nos encargamos dos fillos. Somos as que sabemos de primeira man que pavillón ten goteiras, que parque está feito un cristo ou que falta realmente nas aulas. Coñecemos as necesidades reais dos nosos fillos porque as vivimos cada día, non porque nolas conte un asesor de imaxe. Ese coñecemento «a pé de obra» é o que falta no Concello: menos despacho e máis realidade.
A trampa da conciliación Échennos a boca coa conciliación, pero a realidade é que se tes un fillo en «A Galiña Azul», atópaste con que pechan un mes ao ano. Que se supón que facemos as que traballamos nunha conserveira con ciclos de produción que non entenden de vacacións escolares? É unha fenda de seguridade laboral en toda regra. E o peor é que, mentres somos maioría no mar, nas cúpulas de decisión hai un 0% de Patronas Maiores na provincia. Un cero patateiro! Atrás quedou o exemplo da nosa Raquel Souto Miguens. Retrocedemos mentres os señores de gravata se reparten as cadeiras de brazo.
É a hora do bastón de mando Se en Ribeira ou en Lousame souberon o que é ter unha alcaldesa, que nos pasa en Boiro? Temos mulleres sobradamente preparadas: desde a que xestiona o seu propio negocio ata a mariñeira que coñece cada pedra da ría, pasando polas amas de casa que son las mellores xestoras de crises do mundo. Os comités provinciais dos partidos deberían deixarse de tantos “varóns” e exporse seriamente levar a unha muller como cabeza de cartel. Boiro necesita un cambio radical desde abaixo, e ese cambio ten nome de muller.
¿Crees que unha muller xestionaría mellor os servizos públicos de Boiro porque coñece mellor o día a día das familias? Déixanos a túa opinión!




